sábado, 28 de mayo de 2016

Excursión do departamento de Relixión

O pasado xoves 19 de maio o departamento de Relixión organizou unha actividade para o alumnado de 3º e 4º da ESO consistente nunha excursión pola provincia de Pontevedra.

A primeira parada foi en Campaña, concello de Valga (Pontevedra), para poder ver as máis de 4000 figuras que compoñen o Belén Artesanal. O Nacemento combina as escenas relixiosas coas referencias a asuntos da actualidade. Así, entre os pastores e os Reis Magos, houbo este Nadal peregrinos que camiñan cara Santiago coas camisetas vermellas da selección española de fútbol. Tamén hai un concurso para descubrir un famoso oculto.



A segunda parada tivo lugar no concello de Barro, onde visitamos o Parque Natural do río Barosa, uns momentos de lecer para poder apreciar un complexo etnográfico con case vinte muíños en diferente estado de conservación.

O seguinte destino foi a visita da capela da Nosa Señora da Lanzada, a capela románica construíuse sobre os restos doutra igrexa máis antiga ligada á fortaleza construída no século X para defender, xunto ás Torres do Oeste en Catoira e ás de Cambados, as terras de Compostela dos invasores viquingos e normandos.


A planta da capela é rectangular, cunha soa nave en dous treitos separados por un arco sobre piares. Unha bóveda lixeiramente apuntada forma a cuberta da nave maior. No interior saliente o retablo barroco onde se atopa a imaxe da virxe da Lanzada.

Así, a capela relaciónase desde a antigüidade co rito da fecundidade do baño das nove ondas na praia da Lanzada. Na última fin de semana de agosto, celébrase a romaría da Virxe da Lanzada. Na noite do sábado acoden centos de mulleres que desexan acabar coa súa infertilidade, para iso deben someterse ao baño das nove ondas á media noite. No amencer teñen que ir á ermida e varrer o chan para desfacer todo tipo de meigallos e males de ollo e, a seguir, realizar a ofrenda á virxe. Trala misa faise a procesión. Tamén é común que o baño sexa na noite de San Xoán e non só para obter fertilidade senón para curar doentes e incluso animais.


Existe outra lenda de fecundidade que consiste en pór ofrendas florais no chamado leito da virxe, unha rocha que se atopa na rompente da ermida. Antigas lendas aseguran a existencia de túneles que comunicaban a costa coas illas de Ons.

Os mariñeiros tamén solicitan os favores da virxe para os protexer dos perigos do mar, mostra disto dan os exvotos en xeito de miniaturas de barcos pendurados no interior da capela.


O lugar, antes illa e hoxe istmo, estivo habitado dende  tempos remotos, testemuño diso son os innumerábeis restos achados tanto no antigo poboado castrexo coma na necrópole que se atopa nas inmediacións con numerosos restos romanos. No lugar atopábase presuntamente un faro fenicio ou quizáis romano.

O Xantar fixérono no monte da Siradella, cunhas espectaculares vistas sobre o istmo da Lanzada, e finalmente, tiveron unhas horas de lecer na praia de Silgar en Sanxenxo.

jueves, 26 de mayo de 2016

ACTIVIDADES MANUEL MARÍA NO CEIP TORRENTE BALLESTER


Os pasados 10 de maio e 22 de abril, o alumnado participante no club de lectura fixeron dúas actividades no CEIP Torrente Ballester de Sigrás. As actividades estaban enfocadas ao alumnado de infantil e primaria e contaron coa participación dunhas cuarenta rapazas do IES Afonso X O Sabio.

A actividade que tivo lugar o día 22 de abril foi para o alumnado de infantil. Nese día as nosas alumnas presentaron a figura de Manuel María. Ademais, leron e explicaron de xeito individual unha serie de poemas sinxelos, usando carteis elaborados polo alumnado de 1ºBACH e 4ºESO. Tamén realizaron máscaras, escoitaron cancións de Manuel María e cantaron "A vaca", con retrouso en lingua de signos. Por último, entregáronse unha serie de rosas de papel elaboradas polo alumnado de 1ºESO.

A actividade que tivo lugar o día 10 de maio foi destinada ao alumnado de primaria de 2º e 4º de primaria. Neste día realizouse unha presentación en power point da figura de Manuel María. Formáronse pequenos grupos que leron varios poemas, axudándose para a súa comprensión de carteis elaborados polo alumnado de 1ºBACH e 4ºESO. Posteriormente realizouse unha actividade colectiva enfocada ao traballo poético consistente na realización dun mural dos soños, encher espazos en poemas onde faltaban palabras escoitando as cancións. Tamén cantaron e recitaron algunhas cancións e, para finalizar, acabaron a actividade co regalo de rosas de papel realizadas polo alumnado de 1ºESO.







Para máis información, enlace ao blog do Club de lectura  Libros abertos

miércoles, 18 de mayo de 2016

Obradoiro de DJ

O pasado día 13 de maio tivemos no noso IES unha actividade orientada para o alumnado de 4ºESO e bacharelato que consistiu nun obradoiro de DJ con Jas Processor.
No obradoiro o alumnado puido ver as posibilidades dun par de programas (un para ordenador e outro para o móbil) para poder pinchar a súa música, e tamén reflexionaron sobre o que supón "contar historias" por medio da música que compartimos cos demais.

Esta actividade enmárcase dentro das actividades realizadas polo proxecto Afonso a escea e puideron participar os estudantes de música e os participantes na actividade de teatro.